Barrenses viaxeir@s - Zoo virtual de Barro

Descrición

Miguel Diéguez Pérez, Ana María González Guisande y Zaida Calvo Pereira.png

Durante este curso estamos traballando seguindo a metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos a través de estratexias cooperativas. Deste xeito, o proxecto que levamos a cabo ten un fío condutor consistente na elaboración dun programa de televisión chamado “Barrenses viaxeir@s” que consta de varios episodios. Trátase dun programa inspirado no coñecido “Callejeros viajeros” pero adaptado á nosa vila, Barro, e nel estamos implicados os grupos de 1º e 2º de educación primaria.

Escollemos esta temática e este formato por diversos motivos:

O primeiro deles é que resulta un proxecto cuxo produto final é un programa de televisión, o que permite traballar tanto presencialmente como dende casa. Isto pareceunos imprescindible nun ano coma este no que en calquera momento podemos atoparnos cunha alumna ou cun alumno confinado ou incluso cun pequeno grupo ou toda a clase véndose obrigada a traballar dende casa. Ao consistir o produto final nun vídeo, poderíamos pedirlles ás persoas que traballen dende casa que contribúan do mesmo xeito que os que se atopen na aula.

Así mesmo, pareceunos interesante facer coma produto final un “programa” que promocione Barro e a súa riqueza social, natural e cultural nunha época coma esta na cal o turismo internacional e incluso nacional está case paralizado e esta actividade vese reducida a pequenas escapadas dentro da nosa rexión. 

Durante o primeiro trimestre, os dous grupos de 2º gravamos dous episodios do programa, un centrado nos deportes de Barro e outro centrado nos oficios e na organización do noso pobo. Ao longo do segundo trimestre abordamos o tema dos seres vivos de Barro, mentres que para este último estamos a preparar un episodio focalizado na importancia do coidado do noso pobo e o seu patrimonio (o Camiño de Santiago, as Cascadas de Barosa, os petróglifos...).

Combinamos o traballo na aula de forma presencial co traballo a través da aula virtual. Nesta segunda, tratamos de fomentar a participación do alumnado e das familias proporcionándolle información acerca dos proxectos, establecendo foros para dúbidas e foros para que interaccionen entre eles e elas e comenten aspectos de interese que podan xurdir relacionados con cada unha das temáticas. Ademais, é unha forma de garantizar tanto a participación da rapaza que se atopa recibindo atención domiciliaria como tamén a atención daqueles alumnos e alumnas que, polas circunstancias que sexan, teñan que quedar confinados.

Dentro de cada un dos temas a traballar, o alumnado, por grupos, escolle aspectos que consideren interesantes para investigar. Logo, os membros de cada un deses grupos reparte roles e tarefas, que tamén son publicados na aula virtual. Cada un investiga sobre o que lle foi asignado e posteriormente póñeno en común no grupo completo. Finalmente, estruturan a exposición, ensaian e gravamos o episodio correspondente de “Barrenses viaxeir@s” empregando uns micrófonos que construíron na área de Educación Plástica, coma se fosen reporteiros. Estas gravacións, sempre que é posible, son realizadas polos propios alumnos e alumnas coas tablets dispoñibles no centro.

De entre todos as temáticas abordadas neste proxecto, quero destacar a que traballamos no segundo trimestre, “Seres vivos de Barro”, pois ademais de crear un produto final como é o episodio de “Barrenses viaxeir@s”, elaboramos un Zoolóxico Virtual de Barro con realidade aumentada.

Xa que este ano non se pode viaxar e reivindicando a fin do sufrimento animal que implica para as diferentes especies estar encerradas, decidimos elaborar un zoolóxico virtual nunha pequena explanada con árbores que temos fronte ao noso colexio, para o cal contamos coa autorización do Concello.

Para iso, os alumnos e alumnas de 1º e 2º, por parellas, escolleron un animal sobre o que investigar entre os dispoñibles en Google 3D (ferramenta de Google para ver diferentes elementos en realidade aumentada). Cando remataron a fase de investigación, as parellas cubriron unha ficha técnica do animal e gravaron coas tablets unha breve exposición oral das curiosidades do mesmo, empregando os micrófonos do noso particular programa. Posteriormente, elaboramos carteis que incorporan o nome do animal, unha foto do mesmo, o escaneo da ficha técnica elaborada polo alumnado, un código QR cunha ligazón ao vídeo das curiosidades que eles e elas gravaron, e, por último, outro código QR coa ligazón á visualización de dito animal en realidade aumentada.

Estes carteis foron impresos en lonas e van ser colocados durante as vindeiras semanas nos árbores da explanada comentada, conformando así o noso particular Zoolóxico Virtual de Barro.

Todo este proceso foi informado ás familias a través da aula virtual e, ao mesmo tempo, contou tamén coa participación telemática da nena que traballa dende a casa, quen achegou o seu vídeo e a súa ficha técnica.

Para acompañar estes carteis, os rapaces pintaron nuns tablóns de madeira o nome de cada un dos continentes, de xeito que en cada zona da esplanada haberá un continente e en cada zona, á súa vez, animais específicos do continente indicado. Ao mesmo tempo, os mestres elaboramos un plano do zoolóxico e unhas instrucións de uso para que todos os visitantes poidan desfrutar da nosa proposta.

Pareceunos interesante realizar esta tarefa pois estamos contribuíndo ao noso pobo creando un novo atractivo que atraia ás persoas. Ademais, trátase dunha intervención da contorna na que os visitantes poden estar ao aire libre, o cal é especialmente recomendable na actualidade. Por outra parte, nun ano coma este no que ninguén externo pode entrar no colexio e incluso a meirande parte das titorías están a ser telemáticas, convén sacar ao exterior o noso traballo para que poida alcanzar a un maior número de persoas.

Mapa do zoo

MAPA DEFINITIVO ENTRADA ZOOpng.png

Datos xerais

Centro educativo  CEIP Amor Ruibal - Barro
Etapa  Educación primaria
Área ou temática Ciencias da Natureza: animais e educación ambiental
Datas  Ao longo do presente curso

Centro educativo

experiencias-cadrado.png

Vídeo: Zoo virtual de Barro

Vídeo: Barrenses viaxeir@s