Bitácora 4º Primaria

arcodavella transparente.png

O noso Blog RSS

Unha vida vikinga

O alumnado de segundo ciclo de primaria estivemos visitando a exposición Unha vida vikinga no museo do Gaiás. A visita guiada a esta interesante exposición que percorre todas idades da vida dunha persoa vikinga, serviunos para achegarnos a está cultura dende unha nova perspectiva e desmontar moitos mitos.
Aproveitamos a viaxe para visitar as outras dúas exposicións Outras historias posibles e Tattoo: arte baixo a pel.

 

Ver imaxes das visitas.

A tribo relaciónase.

Ola tribo,
como vedes esta tempada andamos moi activas e activos e non deixamos de cociñar, estanos quedando un cuarto cun menú variado. Desta volta vimos compartir a última rotación de recantos do trimestre, neste caso o fío condutor segue a ser a función de relación neste caso tras os sentidos recibir a información e levala ao cerebro este mobiliza o noso corpo... e iso faino a través do aparato locomotor. Nesta rotación traballamos con 6 propostas que son as seguintes:

Esqueleto e músculos.
Unha proposta sobre esqueleto e músculos dividida en dous recantos na que debían partindo da información de varios libros e láminas describir brevemente como son os ósos e para que serven e o mesmo cos músculos. Despois de sobre unha imaxe súa plastificada debías debuxar o esquelete (ósos e articulacións) e sobre outra imaxe os músculos e situar e escribir os nomes dalgúns deles. Esta tarefa permítenos achegarnos ao aparato locomotor situando os diferentes compoñentes no propio corpo dándolle isto unha maior significatividade.

Proposta relación sentidos49.jpeg

Posturas imposibles.
Esta proposta de comprensión lectora trátase de intentar facer co corpo unha serie de posturas descritas. A realidade é que estas posturas son imposibles ou case e permítenos isto reflexionar sobre os límites do propio corpo, as conexións entre diferentes músculos, etc.
Despois disto coa axuda dos manuais e en equipo debiamos poñer os nomes dos ósos e articulacións ao noso esqueleto Pepe/a.

Ángulos do corpo.
En equipo sacamos fotos de cada persoa nunha postura rara que lle apeteza, despois esas fotos son transferidas á pantalla e aí con axuda dunha guía debiamos sinalar os ángulos que se forman no noso corpo e de que tipo son.

Zona de xogos.
Na zona de xogos repetimos proposta con Club A e Fast Words dado que vimos necesario afondar no funcionamento e contidos dos xogos propostos. Ter opción de xogar unha segunda vez danos a oportunidade de afondar no xogo e dedicarlle máis tempo dado que xa se coñece a dinámica. No caso de Club A ademais é un xogo con dous niveis de dificultade e puidemos iniciarnos no segundo.

Proposta relación sentidos43.jpeg

Tarxetas de Ioga.
A proposta de creación literaria neste caso consiste en crear unha tarxeta na que se explicitan os pasos a seguir para realizar unha postura de ioga con nome de alimento. Debemos tamén ilustrar a tarxeta. Deste xeito deixamos voar a nosa imaxinación, aprendemos a dar instrucións paso a paso, traballamos a cohesión textual e a revisión ortográfica, incluímos músculos, articulacións e ósos na descrición, vinculamos a proposta a Paparouta e creamos un repertorio de posturas propias que poderemos practicar nos tempos libres.

Estamos nun momento moi bo neste tipo de propostas nas que mostramos cada vez máis autonomía, flexibilidade nos agrupamentos, implicación nas propostas e motivación. Sen dúbida seguiremos engadindo recantos na receita de cuarto.

Ver álbum de Imaxes

Obradoiro de etiquetaxe de alimentos.

O alumnado de 4º e 5º de primaria participaron nun obradoiro sobre etiquetaxe de alimentos impartido por Natalia de Nutricoles. Partindo da realidade próxima: aqueles alimentos que tomamos como petisco aprendemos sobre a análise das etiquetas nutricionais permitíndonos coñecer os alimentos que consumimos para poder seleccionalos tendo en conta as súas propiedades nutricionais segundo o regulamento europeo de etiquetado nutricional. Deste xeito o alumnado puxo conciencia especialmente nos azucres engadidos e na cantidade de sal dos diferentes produtos e puideron buscar unha alternativa máis saudable nos casos necesarios. A verdade é que levamos algunhas sorpresas!

Etiquetaxe alimentos 4º e 5º40.jpeg
A comprensión do etiquetado nutricional fomenta o desenvolvemento de hábitos alimentarios saudables e o coñecemento das políticas europeas relacionadas coa seguridade alimentaria e o benestar das persoas consumidoras.
Agora xa estamos listas e listos para comezar a comer máis saudable.

Ver álbum de Imaxes

 

jean.jpg

Financiado pola Unión Europea. As opinións e puntos de vista expresados só comprometen á(s) súa(s) autora(s) ou autor(es) e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou os da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA). Nin a Unión Europea nin a EACEA poden ser considerados responsables deles.

A pota está no lume, seguimos cociñando cuarto!

Ola tribo compartimos aquí unha mescolanza de vivencias e momentos do día a día que poden pasar desapercibidos pero non por iso son menos importantes.
Estivemos na aula falando de que é unha sociedade, de sociedades que se dan entre outras especies e da importancia de ter uns obxectivos comúns e uns compromisos para logralos, e a partir de aí revisamos os nosos obxectivos como grupo e tamén os compromisos e plasmámolos en imaxes que despois enchemos de cor e nos acompañan cada día para non esquernos.

Cociñando o bo trato 4º (29).jpeg

 

Posteriormente reflexionamos sobre as diferencias culturais e o respecto a estas diferencias e tamén sobre aqueles aspectos que non deben entenderse como diferencias culturais senón que son violencia, levándonos a falar de diferentes tipos de violencia e dos Dereitos Humanos. Centrámonos despois na violencia exercida cara as mulleres polo feito de selo, sobre os diferentes tipos de violencias, sobre os datos da violencia machista no estado para dende aí achegarnos ao máis próximo ás violencias machistas coas que convivimos e comprometernos para intentar transformar entre todos e todas e todos esta realidade, para converternos cada día en cociñeiras e cociñeiros do bo trato. Sobre o traballo arredor do 25N podedes ver máis na web:

https://www.ceipdebarouta.gal/25n-barouta-2024-cocinando-o-bo-trato/

Cociñando o bo trato 4º (1).jpeg

Tamén andivemos preparando a nosa horta, remexendo a terra, arrincando herbas e enchendo de folla seca e pisando preparando a base para máis adiante poder sementar.
Tivemos tempo libre no que xogamos aos xogos que inventamos o ano pasado, debuxamos, pintamos, creamos todo tipo de cousas coas nosas mans, escribimos, repetimos xogos e propostas dos recantos que nos prestan, lemos, imos por xogos a biblio ou onda a profe Laura, facemos ioga ... Un tempo sen dúbida que desfrutamos moito, que nos axuda a vincularnos e crear grupo e no de que como de cada experiencia na vida aprendemos.

Cociñando o bo trato 4º (18).jpeg


Tamén andamos traballando moito na radio, outro espazo que este ano está moi presente e que nos encanta non deixedes de escoitarnos:

https://www.ceipdebarouta.gal/radiobarouta-audios/

A pota está no lume, seguimos cociñando cuarto!

Ver álbum de imaxes

Proxecto mascotas II

Ola tribo,
como parte do proxecto mascotas o pasado xoves estivemos con Tomás coñecendo a Pascual, Tupé e Bombón os tres burros que amadriñamos, tal e como decidiramos.

Fogar do meu burro 4º_5.jpeg

Foi unha experiencia fermosa chea de agarimo e xenerosidade por parte de Tomás que despediu despois de 22 anos o Fogar do meu Burro recibíndonos. Agarimo e xenerosidade por parte tamén dos burros e o alumnado. Fomos camiñando ata alí un momento importante de responsabilidade, polo coidado que debiamos ter no camiño, e tamén de convivencia, non fomos de mans baleiras, levamos millo que a nosa compañeira María trouxo para poder agasallarlle aos nosos afillados. Ao camiño saínos Tomás e acompañounos ata o espazo onde compartiu con nós música, experiencias de vida no Fogar do meu Burro e tamén aprendemos moito sobre este animal.

Fogar do meu burro 4º_9.jpeg

Das súas necesidades, comportamento e intelixencia, que o olfacto e oído son os sentidos máis desenvolvidos, que poden escoitar en diferentes direccións, que se están a incorporar en granxas de ovellas e vacas porque escoita ao lobo a 5km de distancia e co seu nerviosismo fai que se recollan os outros animais, que son moi bos compañeiros da diversidade, que fan círculos de terra no chan nos que se remozan para quitar os parásitos... e moitas outras cousas. Aprendemos que non somos tan diferentes, que son animais que desfrutan do contacto coidadoso pero que non podemos dalo sen o seu consentimento, e isto foi importante para relacionarnos con eles e tamén o é vincularnos en xeral na vida. Despois compartimos un tempo con eles mesmo puidemos montar en carro e ser levadas. E voltamos ao cole agradecidas, cun chamador de ras, unha castañola, cheas de aprendizaxes e alegría. Cal foi a nosa sorpresa que tamén recibimos unha fermosa postal de nadal que Tomás achegou a escola.

Grazas Tomás, Pascual, Tupé e Bombón polo vivido.

Ver o álbum de imaxes

Ver vídeo

23 entradas
Details

Os Podcasts de 4º

O Fogar da Tribo

Descargar aula cuarto.mp4 [22.42MB]
Details

Reunión Familias