NORMATIVA

RESUME DE CONTIDOS DA MATERIA "PSICOLOXÍA"

BLOQUE 1. A PSICOLOXÍA COMO CIENCIA

• O saber psicolóxico.
• O desenvolvemento histórico da Psicoloxía.
• Os métodos de investigación en Psicoloxía.

BLOQUE 2: FUNDAMENTOS BIOLÓXICOS DA CONDUTA

• A neurona
• O sistema nervioso
• A química da mente
• Xenética e conduta
• Bases fisiolóxicas das diferenzas condutuais entre sexos

BLOQUE 3: PROCESOS COGNITIVOS BÁSICOS

• Sensación, percepción e atención
• A memoria: aproximación ás teorías sobre a memoria.
• O esquecemento: factores que interveñen.

BLOQUE 4: PROCESOS COGNITIVOS SUPERIORES
• Definición de procesos cognitivos superiores.
• A aprendizaxe. Factores que inflúen na aprendizaxe e teorías da aprendizaxe.
• A intelixencia.
• O pensamento. Características e tipos de pensamento segundo a Psicoloxía

BLOQUE 5: A CONSTRUCIÓN DO SER HUMANO.

• A motivación.
• A personalidade.
• A afectividade.

BLOQUE 6: PSICOLOXÍA SOCIAL

• A cognición social.
• Influencia social.
• Actitudes e cambio de actitudes.
• Comportamento interpersoal.
• Relacións intergrupais.
• Psicoloxía dos grupos: a polarización grupal.

METODOLOXÍA DA MATERIA "PSICOLOXÍA"

A intervención educativa na materia de Psicoloxía desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:
– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo.
– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.
– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento, e que permitan, en suma, abordar un tratamento integrado das competencias, facendo realidade palpable a construción colaborativa do coñecemento.
– A elaboración de tarefas ou situacións-problema, suscitadas cun obxectivo concreto, para resolvelas facendo un uso adecuado de distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores.
– A incentivación dun afán de indagación e necesidade de novos coñecementos a través da capacidade de xeración de curiosidade.
– O uso de estratexias para traballar o carácter transversal e práctico, empregando no proceso de ensino e aprendizaxe de xeito asiduo as tecnoloxías da información e da comunicación, que permiten o acceso a recursos virtuais.
– O emprego de metodoloxías activas que procuren un «saber facer» que conecte coas habilidades prácticas.

CRITERIOS CUALIFICACIÓN DA MATERIA DE PSICOLOXÍA

A CUALIFICACIÓN DE CADA AVALIACIÓN PARCIAL (TRIMESTRAL) ESTARÁ DETERMINADA POR TRES ELEMENTOS:

  1. PROBAS ESCRITAS (40%): centradas na comprensión dos contidos e no manexo adecuado do vocabulario
  2. INVESTIGACIÓNS E EXPOSICIÓNS GRUPAIS (30%): realizarase como mínimo unha ao trimestre
  3. ACTIVIDADES AVALIABLES (30%): cada vinte días aproximadamente realizarase unha actividade na que cada alumno/a poderá utilizar todos os materiais elaborados persoalmente e que configurarán o seu dosier de traballo, pero non os materias facilitados pola docente. As notas destas actividades serán visibles na aula virtual do curso

Estas actividades avaliables teñen como obxectivo garantizar a constancia e o esforzo de cada alumno/a no seguimento das sesións de clase e na elaboración de esquemas, resolución de casos prácticos... ao tempo que queren servir como mecanismo para a avaliación docente do proceso de ensinanza-aprendizaxe e como mecanismo fundamental para que cada alumno/a poda realizar unha autoavaliación do seu propio progreso.

En caso de que un alumno falte a clase xustificadamente o día de realización dunha destas actividades, esta nota non será tida en conta na media, en caso de que a falta apareza inxustificada, a actividade será cualificada cun "0"

Para APROBAR cada AVALIACIÓN debe acadarse como mínimo un 5 ca ponderación anterior

A CUALIFICACIÓN DA AVALIACIÓN ORDINARIA CALCULARASE COMO MEDIA ARITMÉTICA DAS CUALIFICACIÓNS DAS AVALIACIÓNS PARCIAIS. 

O PROCEDEMENTO DE RECUPERACIÓN será por trimestre a través da posibilidade refacer os traballos non superados ou as probas suspensas, o sistema concreto de recuperación determinarase en función dos contidos non superados ou dos obxectivos non alcanzados intentando incidir naquilo que debe superarse: polo que pode incluír a realización de actividades non realizadas, a realización dun traballo e /ou dunha proba escrita

Cando un alumno/a teña ao final de curso algunha avaliación suspensas terá a oportunidade de facer unha proba de suficiencia baseada nos criterios mínimos das unidades suspensas. A avaliación ordinaria será superada cando a súa nota sexa igual ou superior a 5.

No caso de non ter superada algunha das avaliacións trala avaliación ordinaria ata o remate do período lectivo o alumnado terá dereito a preparar mediante actividades específicas a proba extraordinaria de xuño que versará sobre os contidos suspensos.

PSICOLOXÍA

Como rama do saber, a Psicoloxía ten como obxectivos básicos o autocoñecemento e a comprensión da propia individualidade, así como das condutas e interrelacións entre os individuos, coñecementos que axudarán ao alumnado a madurar como ser humano, a entender a conduta daqueles con quen convive e a desenvolver estratexias para resolver as cuestións que poden aparecer na súa vida persoal e laboral. Neste sentido, oriéntase cara aos intereses da fase do desenvolvemento humano na que o alumnado está inmerso, onde a curiosidade polas cuestións psicolóxicas unida ao desenvolvemento das súas capacidades cognoscitivas permitiralle unha comprensión máis profunda dos fenómenos humanos desde as súas bases humanísticas e científicas; diríxese, por iso, a quen ten interese pola investigación e a comprensión da conduta humana e os procesos mentais subxacentes.

A pesar da súa evidente referencia ao ser humano, nesta disciplina aparecen dúas vertentes de estudo: a biolóxica e a humana-social.

Por unha banda, algúns dos temas e métodos da Psicoloxía aproxímana á ciencia natural e, máis en concreto, ás ciencias biolóxicas así ocorre no ámbito da psicoloxía animal, da psicofisioloxía e do estudo dos procesos  de aprendizaxe. Doutra banda, a Psicoloxía constitúe unha ciencia humana social, especialmente no ámbito da psicoloxía social e da personalidade. 

Un dos propósitos fundamentais da materia de Psicoloxía é facer ver ao alumnado as diferenzas entre os seus conceptos intuitivos do que é a Psicoloxía e as achegas máis específicas da psicoloxía como ciencia, de modo que sexan capaces de profundizar nas causas e consecuencias da conduta humana e da construción do seu coñecemento.

A Psicoloxía tamén pode e debe ter en conta os trazos peculiares do alumnado en tanto que adolescentes, debido a que neste grupo de idade adoita ser moi frecuente o desexo de coñecerse a si mesmos, de entender os procesos psíquicos e socio-afectivos polos que están a pasar e, así, poder contribuír a que se enfronten mellor ao seu propio desenvolvemento persoal.

A través da Psicoloxía, o alumnado ten a oportunidade de realizar experiencias e experimentos didácticos e participativos sobre o modo no que os seres humanos perciben a realidade, interprétana e actúan en consecuencia, favorecendo, en suma, a construción cooperativa do coñecemento e a aplicación dunha metodoloxía dinámica e colaborativa no grupo.

NOVAS

Details