O luns 5 de xuño, o alumnado de 3º EP achegouse á cidade da Coruña, para poder visitar dous dos seus museos municipais: A Casa dos Peixes (Aquarium Finisterrae) e a Casa das Ciencias, onde puidemos tamén desfrutar dunha sesión no Planetario.
No Acuario visitaron as catro salas de exposicións, acompañados por un monitor do centro que foi amenizando a visita coas súas explicacións. Ademais, viron como alimentaban aos peixes da sala máis espectacular, a Nautilus, e como non, as focas das piscinas exteriores.
Pola tarde, na Casa das Ciencias comezaron observando o movemento oscilatorio dun péndulo de Foucault, no oco da escaleira. Interactuaron cos experimentos de física, a exposición sobre péndulos e a de astronomía nos medios de comunicación. Finalmente, subiron ao Planetario, onde despois de visionar unha película de animación sobre as estrelas e os planetas, observaron como van aparecendo pouco a pouco as estrelas no solpor, no ceo de Galicia.