31/12/23
Pousei as mans sobre os xeonllos,
fiquei ollando o silencio,
escoitando sons, respiracións,
sen comprender ben o sentido,
sen saber a razón da miña anguria
silente pero coñecida.
30/04/24
Luces e sombras,
a maxia do cine,
soñamos despertos
para fuxir da vida.
6/02/24
Por debaixo das nubes,
o home que vai camiñando
e non ergue a vista
perde o sentido do mundo,
mais non o preocupes.
Algún día deterase o tempo
faralle un aceno
e decatarase da fuxida
en que converteu
toda a súa vida.
7/05/24
Nacen ideas,
regresan recordos,
medran os soños,
e doe a soidade,
a señora escura,
a noite.
20/02/24
Levan sobres na man,
deitan moreas deles,
pousan miradas,
ollan de esguello,
agochan puñais
e fenden as rochas.
Por que vou ser eu
quen berre na noite
se as xentes calmadas
quixeron ferruxe?
Non miro nin vexo,
non penso nin choro,
só teño un desexo:
vivir onde moro.
5/06/24
Por moito que fuxas nunca podes escapar,
da rutina
do aburrimento
da mediocridade
da pena.
Non hai poesía, nin palabra nin melodía,
non podes apreixar ese soño
con miradas e suspiros.
Non hai música, nin pintura nin escalas
vive co que alcanzas
vive sen camiños.