NORMATICA

FILOSOFÍA

A partir da selección de problemas filosóficos fundamentais, a materia  “Filosofía” pretende achegar aos alumnos e alumnas a unha maior comprensión de si mesmos e da situación do ser humano no mundo, dotándolles de criterios para enxuizar as accións e situacións persoais, morais e políticas con maior información e competencia. Por iso, lonxe de tratarse dunha materia puramente teórica, exponse desde unha dimensión globalizadora e práctica comprometida co exercicio práctico da democracia, estimulando que o alumnado se comprometa cunha cidadanía responsable tanto no centro como na súa contorna social.

Así, a materia de Filosofía en bacharelato ten, en primeiro lugar, a finalidade de ofrecer un marco conceptual e metodolóxico para a análise das inquietudes esenciais e existenciais do alumnado de bacharelato, na que este poida abordar persoalmente as grandes preguntas e propostas filosóficas e emprender unha reflexión crítica sobre o sentido e valor dos distintos coñecementos, actividades e experiencias que configuran a súa contorna vital e formativa. En segundo lugar, a educación filosófica resulta imprescindible para a articulación dunha sociedade democrática sobre principios, valores e prácticas éticas, políticas e cívicas cuxa lexitimidade e eficacia precisan da deliberación dialóxica, a convicción racional e a autonomía de xuízo da cidadanía. A Filosofía, por último, supón tamén unha reflexión crítica sobre as emocións e os sentimentos, presentes en todos os ámbitos, desde a estética á teorética pasando pola ética e, a miúdo, esquecidos nos currículos.

NOVAS