Dúas cousas que aprendín sobre a impresora 3D Creality K1 tralo Apagamento Xeral do 28 de abril de 2025
O pasado luns 28 de abril de 2025 estaba a imprimir un modelo 3D xerado por unha Intelixencia Artificial cando, máis ou menos á metade da impresión, chegou o Apagamento Xeral. Esta mañán, recuperada a actividade docente despois da cancelación do día 29, dispoñíame a volver imprimir a peza e por fortuna prendín a impresora antes de retirar os restos da impresión anterior. Digo por fortuna, porque a impresora foi quen de gardar o seu progreso antes de quedar sen alimentación eléctrica e me propuxo continuar a impresión no punto onde o deixou. A verdade é que unha vez rematada a peza non se nota onde ocorreu o corte e aforrei tempo e material.
O segundo que aprendín foi que a impresora vai axustando o cálculo do tempo que precisa para rematar a impresión en función non só do tempo que lle marca o Slicer senón tamén do tempo real que tarda unha vez concluida a impresión, de forma que cando volvemos a imprimir a mesma peza trata de facer unha estimación máis axustada. Neste caso, por mor do retraso que lle supuxo ter que retomar a impresión despois do Apagamento Xeral, fixo que chegase ao 100% da impresión estimando que lle quedaban case 15 minutos.