Acceder

Mozas nas redes

Obra teatral: “Mozas nas redes”

O pasado mes de marzo, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO participou na actividade “Mozas nas redes”, unha proposta escénica da actriz Estíbaliz Veiga que conmoveu, fixo reflexionar e abriu espazos para o debate e a prevención.

Neste espectáculo unipersoal, a actriz dá vida a catro mozas adolescentes, cada unha con realidades moi diferentes, pero cun punto en común: todas foron vítimas dalgún tipo de presión ou acoso nas redes sociais. A través das súas voces, descubrimos como o grooming vai tecendo unha rede invisible de manipulación e control.

Cada historia foi contada co apoio de móbiles, pantallas, sons e voces en off, facendo visible aquilo que normalmente queda agochado: o medo, a culpa, a confusión. Entre escena e escena, aparece unha TikToker que, con música e movemento, vai ofrecendo claves para unha comunicación en liña máis segura e consciente.

As mensaxes foron reforzadas mediante un recurso creativo e analóxico: carteis con palabras chave que se ían pegando nun biombo, como metáfora visual do contido que compartimos ou rexeitamos nas redes sociais.

Alén diso, Estíbaliz Veiga, contounos algunha experiencia persoal nas redes e os problemas que isto lle acarrexou, así como o pasos seguidos para a súa resolución. Animounos a non calar ante este tipo de situacións e incluso en comunicarllo a través das súas redes!

Aquí vos deixamos un álbum con algunhas imaxes desta interesante e entretida actividade.