Coñece o noso proxecto
Que problema detectamos?
A fenda dixital implica unha desigualdade na oportunidade de acceso e uso das tecnoloxías da información e comunicación.
Moitas persoas maiores teñen dificultades para adaptarse ás ferramentas tecnolóxicas, o que afecta á súa calidade de vida e dificulta o seu acceso a servizos esenciais, a información e a comunicación. Alén disto, poden ser vítimas de ciberestafas e ataques virtuais ou verse illados e sen acceso a servizos que precisan no seu día a día como a banca. A falta de formación neste ámbito provoca inseguridades e medo ante as tecnoloxías que fan que, en ocasións, estas persoas releguen do seu uso e sexan vítimas delas.
No lado oposto, atópase as xeracións máis novas, que teñen acceso aos dispositivos dixitais e a rede desde idades moi temperás, sen ter unha formación previa axeitada do uso responsable e seguro destas tecnoloxías. Isto pode expoñelos a perigos como o acceso a contidos inapropiados, a falta de privacidade, ao ciberacoso e a adicción ás pantallas. Ademais, a carencia de orientación sobre a protección dos seus datos persoais pode levar á vulnerabilidade fronte a ameazas en liña.
Algunhas cifras destacadas
O concello de Zas abrangue unha superficie de 133,20 Km2, que se divide en 16 parroquias entre as que se reparten os 4307 habitantes (IGE, 2023) de acordo cos seguintes rangos de idades:

Segundo o estudo “Galicia. A nosa vida en dixital 2023” e o “Informe de competencias dixitais da poboación galega 2023”, levados a cabo polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OMING), a maioría da poboación galega maior de 55 anos ten competencias dixitais básicas, inferiores a estas ou non son avaliables por non empregar ferramentas dixitais:
Idade | Inferior a básicas | Básicas | Avanzadas | Non avaliables |
---|---|---|---|---|
16 a 24 anos | 13,1% | 26,3% | 60,6% | 0,0% |
25 a 34 anos | 6,8% | 32,2% | 61,0% | 0,0% |
35 a 44 anos | 22,1% | 32,2% | 44,4% | 1,3% |
45 a 54 anos | 28,2% | 31,3% | 37,2% | 3,3% |
55 a 64 anos | 41,8% | 32,3% | 16,6% | 9,3% |
65 a 74 anos | 43,4% | 12,3% | 14,2% | 30,1% (*) |
(*) Non avaliables por non usar Internet
En resumo…
📍 No concello de Zas:
- ➡️ 45% da poboación ten máis de 60 anos.
- ➡️ Viven nunha contorna rural con acceso dixital limitado.
📉 Competencias dixitais (65–74 anos en Galicia):
- 🔴 43,4%: por debaixo do nivel básico
- 🟡 12,3%: nivel básico
- 🟢 14,2%: nivel avanzado
- ⚫ 30,1%: non usan Internet
Estas cifras deixan claro que moitas persoas quedan fóra da sociedade dixital no noso concello... e que o noso alumnado pode axudar a cambiar esta realidade.
Entrevistamos á veciñanza de Zas
Para coñecer de primeira man a situación real da nosa contorna, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO realizou entrevistas a persoas achegadas (familiares, veciños, coñecidos...) do concello de Zas, para preguntarlles polas súas dificultades no uso de dispositivos dixitais e saber como ofrecerlles axuda.
Con esta información:
- Identificamos os principais problemas reais.
- Adaptamos os nosos materiais para responder ás necesidades detectadas.
- Comezamos a xerar contido útil, claro e accesible para todas as persoas.
Algúns datos interesantes das nosas entrevistas…
(En construcción)
Como imos colaborar desde o CPI de Zas?
Ante esta realidade, nace “Clics seguros en Zas”, unha campaña promovida polo alumnado de ESO das materias de Tecnoloxía e Dixitalización. O proxecto busca reducir a fenda dixital desde dúas frontes: formar ás persoas maiores da contorna no uso seguro das TIC e concienciar ás de menor idade sobre unha navegación responsable.
Para logralo, cada un dos cursos de Educación Secundaria Obrigatoria ten unha misión:
- O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO encargarase de crear os contidos formativos e materiais da campaña. Ademais, consideramos importante coñecer a realidade máis próxima de primeira man, polo que cada estudante entrevistou a persoas da súa contorna máis próxima sobre o uso das tecnoloxías.
- O alumnado de 4º da ESO desenvolverá os soportes dixitais mediante deseño e impresión 3D. Ademais, vai investigar o papel do voluntariado virtual como ferramenta para combater a fenda dixital e coa información achada, crearán material que permita dar a coñecer este tipo de iniciativas.
A campaña chegará á comunidade a través da web do centro, presentacións e colaboración con entidades locais. Ademais, todas as persoas que colaboraron co noso alumnado, recibirán a documentación creada que lle axude a resolver as súas dúbidas e/ou medos no manexo das contornas dixitais.
A educación dixital non pode quedar só nas aulas: queremos que o noso coñecemento sirva para mellorar a vida das persoas que nos rodean.
Ciberseguridade ao alcance de todas as persoas

A documentación creada está pensada para ser útil, comprensible e accesible para todas as persoas da nosa contorna.
Partimos das dificultades detectadas nas entrevistas para adaptar os contidos ás necesidades reais da poboación local, especialmente das persoas maiores ou con menor experiencia dixital.
Ademais, a nosa documentación é inclusiva, pois tentamos:
- Utilizar unha linguaxe clara e directa.
- Escoller tipografía Atkinson Hyperlegible, para facilitar a lectura.
- Incluir pictogramas estilo ARASAAC, que fan máis visual e fácil de comprender cada mensaxe.
- Engadir códigos QR para acceder a versións dixitais e coa opción de escoitar a versión en audio.
- Respectar os dereitos de autoría e elaborar material con licenza Creative Commons que poida ser empregado por quen o desexe.
Así conseguimos que a nosa campaña poida chegar a máis persoas, superando barreiras tanto tecnolóxicas como comunicativas.