Voluntariado dixital ou tecnolóxico (4º ESO)

O alumnado de 4º ESO participamos activamente na campaña “Clics Seguros en Zas” realizando as seguintes tarefas:
- Investigamos sobre o voluntariado tecnolóxico, con especial fincapé naquel que se pode levar a cabo de xeito virtual. Descubrimos como este movemento social pode transformar vidas. A través de accións tan sinxelas como ensinar o manexo básico dun móbil ou axudar a alguén a obter cita para o médico, é posible derrubar barreiras dixitais que moitas persoas enfrontan no seu día a día.
- Elaboramos materiais informativos variados (infografía, díptico e tríptico) co fin de concienciar á comunidade de que pequenos xestos poden supoñer grandes axudas para outras persoas, achegando diferentes entidades onde é posible colaborar mediante voluntariado tecnolóxico.
- Aprendemos sobre as licenzas do material dixital e a importancia de protexer os nosos datos e o nosos dereitos na Internet. Ademais, creamos o noso propio avatar para darnos a coñecer na rede de xeito seguro.
- Deseñamos e imos imprimir en 3D soportes para os dípticos e os trípticos coa finalidade de expoñelos no noso posto de ciberseguridade do centro educativo. Isto permitiunos combinar tecnoloxía e creatividade para darlle visibilidade ao noso traballo.
Ao longo da campaña, tomamos conciencia das dificultades que moitas persoas atopan no uso das tecnoloxías no seu día a día. Aprendemos que todas as persoas podemos ser parte do cambio: con coñecementos básicos e vontade de colaborar, pódese facer moito máis do que pensamos.

O voluntariado dixital ou tecnolóxico é unha poderosa ferramenta de transformación social, posto que achega as novas tecnoloxías a quen máis as necesita, rompendo barreiras e reducindo a fenda dixital. A través do compromiso solidario das persoas voluntarias, construímos xuntas unha sociedade máis inclusiva, conectada e preparada para afrontar con confianza os desafíos do mundo dixital actual. Cada pequeno xesto conta, cada apoio marca a diferenza.
Anímaste a poñer luz onde outros aínda ven pantallas escuras? Adiante! A continuación tes moitos recursos para iniciarte no voluntariado dixital, que che permitirá achegar e mellorar o uso da tecnoloxía a quen máis o precisa.

Anímaste a montar un posto de ciberseguridade coma o noso no teu centro educativo ou noutro espazo onde poida ser útil? Queremos poñercho doado! Aquí podes descargar os arquivos dos soportes 3D que deseñamos para organizar a nosa documentación. Así terás todo listo, ben presentado e con impacto dende o primeiro momento!
- (Arquivos proximamente dispoñibles)