Dípticos (2º ESO)












O alumnado de 2º da ESO participamos activamente na campaña "Clics Seguros en Zas", aprendendo, creando e compartindo do seguinte xeito:
- Comezamos empregando os materiais elaborados polo alumnado de 3º de ESO, que actuou como guía e apoio no noso proceso.
- Para coñecer mellor a realidade de quen pode atoparse con dificultades tecnolóxicas, realizamos entrevistas a persoas da nosa contorna. Escoitar as súas experiencias permitiunos deseñar materiais útiles e adaptados ás súas necesidades.
- A partir desas achegas, creamos dípticos informativos sobre temas como o uso de contrasinais seguras, o ciberacoso ou as ciberestafas. Fixémolo pensando nun público diverso, usando textos claros, pictogramas, letras accesibles e códigos QR que levan a versións en audio dos contidos.
- Tamén aprendemos sobre licenzas e dereitos de autoría, para garantir que toda a nosa documentación respectase as normas legais e éticas.
- Practicamos a etiqueta dixital redactando correos electrónicos para comunicar a campaña ao centro e ao concello con claridade e respecto.
- Para protexer a nosa identidade en liña, creamos un avatar persoal, que nos representa na rede de forma segura.
- Fomos o alumnado responsable de presentar a campaña ao alumnado francés do Collège Villebois Mareuil (Francia), que nos visitou no intercambio.
Grazas a esta experiencia, sentímonos máis seguros ao navegar pola internet, máis responsables co que compartimos e convencidos de que tamén nós podemos axudar a facer da rede un lugar máis seguro e accesible para todas as persoas.
Un dos momentos máis especiais da nosa campaña "Clics Seguros en Zas" tivo lugar durante a visita do alumnado do colexio Collège Villebois Mareuil (Francia), que chegou ao noso centro educativo dentro dun programa de intercambio.

Durante esta sesión:
- Varias estudantes explicaron ao alumnado francés o desenvolvemento da campaña, a orixe do proxecto, as entrevistas previas realizadas e o proceso de creación de materiais.
- Unha das alumnas presentou o seu díptico sobre as estafas en compras online, o motivo polo que o fixo sobre esta temática e as súas aprendizaxes ao longo do proceso.
- Mostraron a documentación creada polos diferentes cursos, explicando a filosofía inclusiva e a utilidade dos códigos QR.
- O alumnado francés puido participar activamente, elixindo e levando copias impresas dos materiais que lles pareceron máis interesantes.
- Fíxose fincapé, ademais de nos riscos cibernéticos, no voluntariado tecnolóxico na modalidade virtual. É unha oportunidade de continuar a practicar español desde Francia mentres se axuda a outras persoas.
- As dúas profesoras acompañantes, Elodie Avril e Sabrina Daunas, tamén se mostraron moi interesadas na campaña. Recolleron exemplares de todos os recursos creados para levar ao seu centro. Tamén escanearon os códigos QR para acceder aos contidos dixitais, especialmente os audios, que lles pareceron moi útiles para traballar o español co seu alumnado.
Esta experiencia non só nos permitiu dar a coñecer o noso proxecto máis alá do centro, senón que tamén serviu para poñer en valor o noso traballo, fomentando a comunicación en contextos reais e a colaboración internacional.