Recurso educativo aberto (REA) - cREAgal
Un recurso educativo aberto (REA) que medrou na nosa aula

A semente do noso proxecto foi “Sin miedo a hacer clic”, un recurso educativo aberto (REA) creado por docentes galegos dentro de cREAgal. Chegou como unha proposta flexible, aberta... e acabou medrando connosco.
Pero o valor deste recurso non quedou só na aula. Adaptámolo aos distintos niveis da ESO, así como á realidade da nosa aula… e abrímolo a nosa contorna. Entrevistamos á veciñanza, coñecemos as súas inquedanzas e elaboramos materiais para dar resposta aos seus problemas reais.
Así, este REA medrou connosco: en contido, en impacto, e sobre todo, no vínculo entre aprendizaxe, realidade e comunidade.
Que é cREAgal?

O proxecto cREAgal, impulsado pola Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa da Consellería de Educación, nace co propósito de ofrecer recursos educativos abertos, gratuítos e adaptados aos currículos galegos, pensados para seren usados nas aulas dixitais de Primaria e Secundaria.
Estes materiais son elaborados por docentes en activo galegos e caracterízanse por seren flexibles, accesibles e personalizables. Poden empregarse directamente, ou ben editarse e adaptarse e personalizarse á realidade da nosa aula, tal e como se fixo no proxecto “Clics seguros en Zas”.
Todos os REA están elaborados mediante a ferramenta eXeLearning, presente nas aulas virtuais dos centros, polo que a súa modificación é rápida e fácil. Alén diso, estes REA destacan por estar baseados no deseño universal para a aprendizaxe (DUA). Caracterízanse por atender á diversidade, facilitar a inclusión e promover unha aprendizaxe activa, reflexiva e conectada coa realidade do alumnado. Entre outras medidas, contan con apoios visuais e/ou auditivos, pictogramas, lectura facilitada e actividades multinivel.
No repositorio de cREAgal atopamos recursos completos, con actividades, materiais descargables e guías para o profesorado, baseados en situacións de aprendizaxe reais e retadoras.
De “Sin miedo a hacer clic” a “Clics seguros en Zas”

A base do noso traballo foi o REA “Sin miedo a hacer clic”, creado dentro do proxecto cREAgal para iniciar ao alumnado de 1º da ESO no uso correcto e seguro das TIC. Este recurso propón unha situación de aprendizaxe na que o alumnado debe crear unha campaña informativa sobre ciberseguridade.
O alumnado investiga sobre o hardware, o software e os riscos dixitais máis comúns, aprende a protexer equipos, datos e persoas, e reflexiona sobre cuestións clave como a privacidade, a etiqueta dixital ou os dereitos de autoría. A proposta céntrase na elaboración de materiais informativos (infografías, dípticos e trípticos) e no desenvolvemento das competencias necesarias para documentar un proceso tecnolóxico.
No noso proxecto, “Clics seguros en Zas”, adaptamos este REA á realidade do noso centro e da nosa contorna, ampliando a experiencia a todos os cursos da ESO e conectando a aprendizaxe co mundo real. A partir da estrutura orixinal, deseñamos novas actividades e retos, incluíndo, por exemplo, entrevistas á veciñanza para coñecer as súas inquedanzas, dificultades e medos sobre o uso das tecnoloxías. Isto permitiunos crear recursos que non só se empregaron na aula, senón que tamén foron útiles para a comunidade.
Con esta adaptación, mantivemos a esencia do recurso —aprendizaxe activa, creativa e con sentido— pero fomos máis alá, facendo do REA unha ferramenta flexible ao servizo dun proxecto vivo, colaborativo e situado