PETROTÉXTILES é o proxecto co que CEIP Plurilingüe de Louro pon en marcha o seu POLO CREATIVO durante os cursos escolares 2022/23 e 2023/24.
O proxecto xira entorno ao patrimonio arqueolóxico de Louro: os petróglifos que se atopan na nosa localidade serán o punto de partida para transportarnos a unha época na que a observación dos fenómenos astronómicos (as fases da Lúa ou a posición do Sol) resultaban imprescindibles para comprender o paso do tempo.
A estación rupestre máis emblemática de Louro é Laxe das Rodas, onde podemos atopar dúas figuras rupestres principais que poderían representar un calendario lunisolar prehistórico.
A nosa intención é, despois da investigación e estudo dos petróglifos, co asesoramento da guía do Concello de Muros, poñelo en funcionamento aplicando as posibilidades que nos ofrece actualmente o campo da programación e os e-téxtiles.
O proxecto comezará coa investigación arredor da Prehistoria, buscando coñecer as formas de vida dos seres humanos desta época, con especial atención á Idade do Bronce, etapa na que se estima que foron realizados os gravados de Laxe das Rodas.
Para o deseño das figuras, aproveitaremos as potencialidades dos e-téxtiles. Secuenciaremos diferentes actividades que nos permitan, por unha parte, descubrir a orixe dos téxtiles nas sementes de liño e, pola outra, desenvolver os nosos coñecementos de electrónica e as nosas habilidades de programación.
Non poderiamos completar o proxecto sen a axuda de mans expertas na costura. Neste sentido, contamos cun número importante de mulleres da nosa localidade que o saben facer moi ben: nais, avoas, veciñas... Contactaremos con todas elas para que lles poidan transmitir os seus coñecementos ao noso alumnado, introducindo a actividade de coser no centro e invitándoas a participar en todo o proceso.