DÍA DA MULLER 2023
O 8 de marzo celebramos o Día da Muller. Aínda que houbo que agardar ao ano 1997 para a súa aprobación pola ONU (Organización das Nacións Unidas), as mobilizacións en prol dos dereitos das mulleres xa comezaran moitísimos anos antes en todo o mundo. Tamén en Galicia, onde se produciu a primeira folga de mulleres da historia de España, levada a cabo na fábrica de Tabacos de A Coruña no ano 1857. Estas traballadoras protestaron polas malas condicións nas que se atopaban: xornadas de máis de 12 horas de traballo, soldos entre a metade e un terzo do que cobraban os homes, etc.
O 8 de marzo que hoxe en día coñecemos é o resultado de moitas loitas sociais que se uniron para reivindicar os dereitos das mulleres.
No cole, como este ano o tema do proxecto é a pegada ecolóxica, quixemos centrarnos no traballo dalgunhas das mulleres que máis chamaron a nosa atención no que se refire á ecoloxía. E así xurdiu unha pequena investigación nas diferentes aulas, que expuxemos na biblioteca do cole o día da celebración, creando un momento máxico de colaboración, escoita, empatía e emoción inesquecible. Ademais das persoas que alí nos reunimos, cada grupo achegounos a estas mulleres marabillosas:
-Wangari Maathai;
-Jane Goodal;
-Greta Thunberg;
-Rachel Carson;
-Dian Fossey;
-Vandana Shiva;
-Berta Cáceres e
-Yayo Herrero.
De todas elas puidemos coñecer parte da súa biografía, pero sobre todo, o seu esforzo por coidar a natureza que nos rodea, xa que é a mellor maneira de coidarnos tamén a nós.