Excursión a Camelle
O 1 de xuño viaxamos ata Camelle. O motivo? Coñecer este fermoso pobo da Costa da Morte e realizar algunhas actividades moi interesantes. Ademais, tendo en conta o proxecto anual do colexio sobre a pegada ecolóxica e sabendo que o día 5 é o Día Mundial do Medio Ambiente, esta saída foi programada en colaboración co centro de referencia para educación ambiental de Galicia (CEIDA), así como coa Asociación ecoloxista Mar de Fábula e co Museo de Man, o Alemán de Camelle.
Tratamos deste xeito de contribuír na concienciación do alumnado sobre a importancia de coidar a natureza que nos rodea, así como de reflexionar sobre as nosas actuacións para tratar de melloralas.
Desde aquí agradecemos a Laura, educadora do CEIDA, Xosé Manuel, de Mar de Fábula, e á guía do Museo de Man, así como á ONG Ayuda en Acción, que se encargou de financiar un dos autobuses nos que viaxamos.